Número total de visualizações de páginas

quarta-feira, 11 de abril de 2012

REPÚBLICA GALEGA

Do 14 de abril de 1931 ao 1 de abril de 1939 foi o que durou a II República española, que iniciou a ditadura militar do xeneral Franco. En Galiza, o 27 de abril de 1931 constituíuse en Compostela durante unhas horas a denominada I República galega: galeguistas e obreiros proclamaron un estado propio. Tras a dimisión das autoridades composteláns, o galeguista Alonso Ríos (Silleda, Pontevedra, 1887-Bos Aires, 1980) ocupou a presidencia da denominada Xunta Revolucionaria, acontecemento do que apenas queda a anécdota.













Homenaxe a Manuel Azaña na Coruña pouco antes do levantamento
(o conspirador, Franco, á dereita)



Bernardo Máiz Vázquez conta así a defensa da cidade coruñesa fronte ao levantamento contra a II República

A Coruña. Do 17 ao 30 de xullo. O alzamento
xerouse na Coruña debido á súa
condición de capital militar de Galiza. Xa se
sinalou, en palabras dos propios alzados, a
fidelidade á legalidade republicana dos
cadros superiores do Exército. Polo tanto, o
éxito ou fracaso da sublevación, dependerá
da postura dos mandos militares intermedios
e da reacción dos partidos e organizacións
republicanas. A forte implantación
das organizacións obreiras na capital e na
súa área de influencia (xunto con Vigo e
Ferrol concentraba o maior número de traballadores)
foi unha das causas de que ata o
día 20 non saíran os militares á rúa. Na
noite do día 17 o gobernador civil Pérez
Carballo recibiu información dende Madrid
do pronunciamento do Exército de África.
Avisados os dirixentes frontepopulistas, as
sereas dos barcos amarrados nos peiraos
soan repetidamente comunicando o perigo á
cidadanía. Mentres, a actitude do Goberno
de Madrid, por medio de proclamas radiofónicas,
será a de intentar minimizar o pro-
-blema. Ao mediodía do sábado 18, nun
mitin convocado pola CNT na praza de touros,
manifestouse a unidade popular fronte
ao fascismo, a alianza con comunistas,
socialistas e republicanos “se o militarismo
levanta a cabeza [sic]”, e o cenetista A. Fernández
dixo que como ayer fueron alarmantes
las noticias, se transmitió esa natural
inquietud previsora al pueblo en general
mediante las sirenas de los barcos.













Batería de costa no monte de San Pedro (imaxe de CLELIA ZUCCA)


O domingo 19 esas sereas soaron de novo.
A prensa, respondendo ás ordes emanadas
de Madrid, tentaba limitar a xa ampla sublevación
ao ámbito africano. Pola súa parte,
Unión Radio de Madrid afirmaba o aplastamento
da rebelión, mentres Radio Club de
Portugal e Radio Sevilla trompeteaban o
triunfo dos sublevados. Radio Coruña convocou
á capital a todos os afiliados da Fronte
Popular dos arredores, e a cidade abarrotouse
de manifestantes practicamente
desarmados. O gobernador civil, asesorado
polo comandante Quesada e o capitán Tejero
(ambos da Garda de Asalto), ordenou a
colocación de aramadas arredor do edificio
do Goberno Civil e o emprazamento de
metralladoras. O xeneral de división Salcedo
recibiu ordes dende Madrid de que
foran acuarteladas todas as tropas de Galiza
e así llelo comunicou aos xefes das diferentes
guarnicións (como veremos, onde os
conspiradores tiñan o control iso xa se producira).
Esa mesma tarde, oficiais de garda
na Capitanía Xeneral cortaron a comunicación
telefónica entre ese edificio e o Goberno
Civil. Na madrugada do día 20, o xeneral
de brigada Caridad Pita, gobernador da
praza, que nunca dubidou do triunfo republicano,
visitou ao xeneral Salcedo, convencéndoo
do esmagamento da sublevación
e da necesidade de remover do mando e
arrestar aos militares máis comprometidos.
Pero pouco despois, cando pretendía que o
coronel do Rexemento de Infantería Martín
Alonso resignara esa xefatura, a maior parte
dos xefes e oficiais dese Rexemento negáronse
a acatar a orde, obrigando a manter no
mando efectivo das tropas ao principal
organizador do alzamento en Galiza.
Namentres, en Capitanía, o xeneral Salcedo
e o coronel de Artillería Torrado, que só
contaban coa segura fidelidade republicana
dos comandantes Alonso e Aúz e dalgúns
suboficiais, foron depostos do mando polo
tenente coronel de Estado Maior Tovar, o
comandante do mesmo corpo Gutiérrez de
Soto e o capitán Caruncho, e tras detelos,
nomearon ao coronel Cánovas, xefe da División,
ou sexa, xefe militar de todas as tropas
de Galiza. En Artillería coñeceron a noticia
cando o xeneral Caridad Pita saía do cuartel,
sendo detido polo propio coronel Martín
Alonso. Ás once da mañá o gobernador
civil dirixiu unha proclama radiada ao pobo
reclamando o seu apoio á República e chamando
á resistencia, pero xa sabía que, propiciado
polo retraso en armar ao pobo, os
cuarteis estaban en mans dos sublevados,.
Á unha da tarde dese día 20 saíron dúas seccións
do cuartel da Garda Civil: a primeira
ocupou o pazo de Xustiza e Radio Coruña,
dende onde o tenente González leu o bando
que proclamaba o estado de guerra, e a
segunda chegou ata a central de teléfonos,
onde se detivo, porque a Garda de Asalto
que a defendía non quería renderse. As sereas
dos barcos empezaron a soar por terceira
vez en tres días nada máis escoitarse pola
radio a proclama militar. Sobre as dúas da
tarde, dúas compañías de Infantería, ao
mando dos capitáns Areizaga e Volta, ocuparon
a praza de María Pita, a Casa do Concello
e máis o Orzán, avanzando cara ao
Goberno Civil, mentres unha batería de
Artillería se colocaba no Parrote. O gobernador
civil, en conversación telefónica co
tenente coronel Tovar, negou a rendición
(estaban con el algúns concelleiros, oficinistas,
militantes de esquerdas e unha sección
da Garda de Asalto), producíndose
unha auténtica batalla no centro da cidade.
Ás tres, os canóns situados no Parrote e os
morteiros emprazados en Rego de Auga e
na explanada da Mariña empezaron a bombardear
o Goberno Civil. Dende o interior
responderon con metralladoras e algún disparo
de morteiro. Ás 5,30 da tarde o Goberno
Civil rendeuse e foron detidos o gobernador
Pérez Carballo, a súa dona, Xoana
Capdevilla, os oficiais de Asalto Quesada,
Tejero e Pousado, o alcalde Suárez Ferrín,
os señores Martín Martínez, Blanco, Carreras,
Maseda, Mazariegos, Muíños, De la
Iglesia, López, Méndez, Martínez, Torres,
Ponte e un longo etcétera, dos que poucos
sobreviviron. No centro da cidade, cos cuarteis
e edificios públicos en mans do Exército
e as rúas patrulladas permanentemente,
finalizou a resistencia. A flota pesqueira,
ateigada de xente, intentou saír ao mar e
fuxir, mais a entrada do torpedeiro número
2 procedente de Ferrol, obrigounos a volver
aos peiraos, onde os agardaba o Exército.
Na mañanciña do día 21, tras unha noite de
tiroteos na estación, na fábrica de tabacos,
nas rúas dos barrios periféricos, chegaron á
Coruña unha columna de mineiros de Viveiro,
e outra de Lousame con milicias de
Calo, Ordes, Cambre, Mesía, etc., que
entraron por Linares Rivas en dirección ao
centro, pero, despois dun día de enfrontamentos,
o avance dos sublevados ata Monelos
limitou a resistencia a francotiradores
illados. O día 22 A Coruña quedou en mans
dos sublevados.














‘Resistencia, guerrilla e represión’, traballo de Bernardo Máiz Vázquez