Carlos Marighella. (Salvador de Baía, 1911-Río de Xaneiro, 1969). Fundador de Ação Libertadora Nacional (ALN), dedicou a súa vida á causa da loita de clases, iniciándose no Partido Comunista Brasileiro (PCB). Perseguido pola ditadura militar, aos cincuenta e sete anos foi asasinado.
De pai italiano, cursou estudos de Enxeñería na Escola Politécnica de Baía, que interrompeu no terceiro ano, por mor da súa militancia no PCB.
Marighella, que foi encarcerado por vez primeira en 1932, cultivou a poesía. En 1935 era membro do comité central do Partido e responsable de prensa e propaganda. En 1936 foi encadeado novamente e enfrontouse, preto dun mes, ás torturas da policía política. Logo da súa liberación mudouse a São Paulo, onde seguiu pulando no seo do Partido Comunista.
Encarcerado novamente en 1939, sometido ao illamento na illa de Fernando de Noronha, traballou arreo na educación cultural e política dos seus compañeiros de prisión. En 1945, logo dunha amnistía, é posto en liberdade.
Debido á súa capacidade de organización e liderado, ademais do seu prestixio público, é elixido deputado á Asemblea Nacional Constituínte (1946) en representación do Estado da Baía (en menos de dous anos leu preto de 200 relatorios, denunciando as condicións de vida da poboación, da crecente penetración especulativa do imperialismo en Brasil e en defensa das aspiracións dos traballadores).
En 1948, canso das inxustizas da denominada ‘legalidade democrática’ volve novamente á clandestinidade, que xa non abandonará ata a súa morte.
Pese a todo, Carlos Marighella participará activamente nas loitas políticas da década dos cincuenta (a defensa do monopolio estatal do petróleo, contra o envío de soldados brasileiros á Corea, contra a desnacionalización do ensino e de toda a economía). E en 1952 intégrase na comisión executiva do Comité Central. Ao ano seguinte trasládase a China, país no que permanecerá durante un ano estudando a súa experiencia revolucionaria.
Marighella logo de ser abatido
Imaxe de: estadão.com.br
Sem comentários:
Enviar um comentário